O Arxil volve renunciar por motivos económicos ao ascenso do seu filial a Primeira Nacional

Pontevedra
02 de xullo 2019

O club pontevedrés, do mesmo xeito que hai dúas tempadas, renunciou a ocupar a praza gañada polo seu filial na Primeira División Nacional tras proclamarse campioas galegas ante a imposibilidade de afrontar os gastos derivados dos desprazamentos a Asturias, Cantabria e Castela-León

Filial sénior do Club Baloncesto Arxil
Filial sénior do Club Baloncesto Arxil

Dúas tempadas despois, aspectos económicos evitarán o ascenso do filial do Club Baloncesto Arxil á Primeira División Nacional.

O conxunto pontevedrés gañou o dereito para dar o salto á categoría nacional tras proclamarse campión galego o pasado mes de maio despois de vencer na Coruña o Maristas.

Con todo, do mesmo xeito que o que aconteceu en 2017, tras meditalo coidadosamente, o Arxil decidiu renunciar á praza.

Os motivos esgrimidos pola entidade responden á imposibilidade de facer fronte ao custo dos desprazamentos a Asturias, Cantabria e Castela-León, e que ademais pretende que varias xogadoras alternen regularmente os seus encontros co filial cos do equipo de Liga Feminina 2, algo que se dificultaría no caso de saír en Primeira Nacional.

Desta forma, tendo en conta tamén os compromisos laborais e de estudos das súas xogadoras, aseguran desde o club, decidiron "renunciar con dor a este logro", polo que o filial competirá un ano máis na Liga Galega de Primeira División.