Os pavillóns Universitario e do Centro Galego de Tecnificación Deportiva centran estes días a actividade do campus de tecnificación do Club Baloncesto Arxil.
Na súa terceira xornada a iniciativa, destinada ás categorías de base, contou co apoio do secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, que se achegou ata o CGTD,
Acompañado polo director do centro, Jesús López, o máximo responsable do deporte autonómico compartiu experiencias coas novas xogadoras do Arxil e participou no taller de vendaxe que impartía neses momentos Aldara Vázquez, xogadora do club e fisioterapeuta de formación.
Ao longo destas xornadas, ademais de recibir consellos e adestramento de baloncesto, as participantes no campus recibiron a visita de xogadoras do equipo de Liga Feminina 2 como María Lago e Carla Fernández.
O minicampus do Club Baloncesto Arxil prolongarase ata o venres 28 de xuño en horario de 9:00 a 14:30 horas.