O Club Baloncesto Arxil atou á primeira das tres fichaxes coas que pretende dar un salto de calidade no seu plantel para afrontar unha nova tempada na Liga Feminina 2.
Trátase de Linnea Rosendal, aleiro sueca de 22 anos que chegará a Pontevedra procedente dos Mercer Bears da liga universitaria norteamericana (NCAA), onde xogou desde o ano 2015.
Rosendal, de 1'85 metros de altura, é internacional nas categorías inferiores do seu país, con quen disputou o Europeo Sub-20 do ano 2016 en Portugal.
Á dirección deportiva do Arxil, encabezada pola adestradora Mayte Méndez e por Fran Abilleira, convenceulle a súa boa porcentaxe no tiro de tres (36,9% no seu último ano na universidade). Ademais "é capaz de defender a xogadoras máis grandes que ela", sinalan desde o club, e conta con polivalencia podendo xogar de escolta e mesmo en momentos puntuais no posto de 4.
Linnea Rosendal alcanzou de media no seu último ano na NCAA 8,8 puntos, 2,4 asistencias e 1,8 rebotes por partido.
Tras a súa contratación, os esforzos do Arxil céntranse agora en pechar a fichaxe dunha pívot e dunha xogadora que reforce o lanzamento exterior.