O Arxil, con todo o seu potencial dispoñible para recibir o ADBA Avilés

Pontevedra
15 de xaneiro 2015

O club axiliza os trámites burocráticos de Fallon Lewis e a estadounidense chegará a Pontevedra este mesmo venres. As verdes buscan o seu primeiro triunfo do ano

Ana Martín e Mayte Méndez nun partido do Arxil Diego Torrado

Fin ao culebrón Fallon Lewis no Club Baloncesto Arxil. A estadounidense chegará a Pontevedra este venres despois de que a entidade pontevedresa buscase contra reloxo unha fórmula que permitise á súa xogadora regresar a España o antes posible.

Ao final Lewis, que leva tres semanas no seu país intentando solucionar uns problemas burocráticos, subirá a un voo que a traerá ata Porto e que permitirá que se incorpore á disciplina do equipo no último adestramento da semana.

Mayte Méndez recupera así unha fixa nas súas rotacións e un dos piares da boa tempada do conxunto verde, que sen ela na cancha perdeu de xeito claro o seu primeiro partido do ano ante o Bizcaia.

Con Lewis en pista e sen problemas co equipo habitual o Arxil buscará ante o ADBA de Avilés o seu primeiro triunfo de 2015 para manterse na zona de play-off de ascenso.

O encontro xogarase o sábado ás 19:30 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.