O Arxil encara o novo ano coa ilusión de facer historia na Liga Feminina 2

Pontevedra
21 de decembro 2021

As verdes marchan líderes en solitario e márcanse como obxectivo manter unha renda de catro vitorias sobre as quintas clasificadas para asegurar a súa praza na fase de ascenso

Partido de Liga Femenina 2 entre Arxil e Córdoba no CGTD Cristina Saiz

O Arxil chega ao parón do Nadal nunha progresión que, se nada se torce, levará ás verdes a asinar a mellor tempada da súa historia na liga Feminina 2. A falta dunha xornada para pechar a primeira volta, as de Mayte Méndez son líderes da competición con só unha derrota tras 12 xornadas disputadas.

En solitario no máis alto da táboa e seguidas por Almeria e Adareva, o conxunto pontevedrés márcase como obxectivo manter unha distancia de catro vitorias sobre as quintas clasificadas para asegurar un posto na fase de ascenso. 

Aínda que poida parecer o contrario, o camiño do Arxil nesta primeira metade de tempada non foi un camiño de rosas. As verdes iniciaron a competición sen Ruth Adams e tiveron que afrontar os últimos partidos do ano coa ausencia de Carla Fernández por lesión. E, no medio, un profundo desgaste físico, e tamén económico, derivado de longos desprazamentos a Almería, Málaga ou Lanzarote.

Con todo, o apoio da canteira e da afección, o Arxil é o segundo equipo máis visto nas retransmisións por streaming cunha media de 371 espectadores, fixeron que o notable esforzo deixase un bo sabor de boca tanto no club como no vestiario.

É por iso, que as xogadoras afrontan a segunda parte do campionato rebosante de moral e decididas a manter un estilo de xogo que as situou como o segundo equipo máis anotador da liga e tamén o segundo mellor en labores defensivos. Con todo, son conscientes que deben mellorar no lanzamento exterior e tamén reducir o número de perdas de balón por partido.