O Arxil ficha a ala-pívot arxentina Johanna Puchetti

Pontevedra
14 de xaneiro 2020

A xogadora compaxinará en Pontevedra a actividade deportiva cos estudos do último curso da especialidade en medicina deportiva

Johanna Puchetti, co balón, durante un partido con Obras Basket Obras Basket

O Arxil acode ao mercado co obxectivo de buscar unha xogadora que permita ás verdes endereitar o seu irregular rumbo na Liga Feminina 2. A ala-pivot arxentina de 32 anos, Johanna Bruchetti, é a elixida para reforzar o xogo interior das verdes.

A xa ex-xogadora de Obras Sanitarias, de Buenos Aires, chegará a Pontevedra para achegar, sobre todo, capacidade anotadora. A xogadora atopábase sen equipo despois de concluír o seu contrato co equipo arxentino, no que pechou a tempada como unha das máximas anotadoras. 

A nova incorporación compaxinará en Pontevedra a actividade deportiva coa académica. É licenciada en medicina e actualmente está a cursar o último curso da súa especialización en medicina deportiva.

Con ofertas para continuar no seu país natal e tamén de Brasil e España, a interior decidiu iniciar a súa segunda etapa en España, despois dun breve paso por Badaxoz, co obxectivo de axudar ao Arxil a endereitar o rumbo e, no plano persoal, buscar un oco na selección de Arxentina.