O Arxil inscríbese en Liga Feminina 2 e renuncia á posibilidade de ascenso

Pontevedra
01 de xullo 2015

O club non presentou finalmente a documentación requirida para optar a unha praza na máxima categoría ante a posible renuncia de varios equipos. A decisión tómase porque para o corpo técnico e as xogadoras de casa "sería moi difícil compaxinar o aspecto dos partidos de metade de semana" explica Lino Vázquez

Adestramento do Arxil no CGTD Daniel Santomé

Pouco lle durou a idea ao Club Baloncesto Arxil de intentar competir o próximo curso na máxima categoría.

A directiva verde empezara a traballar na posibilidade de ocupar unha praza en Liga Feminina se houbese unha vacante na categoría, dados os problemas económicos de varios equipos, pero finalmente descartou esa posibilidade.

O Arxil presentou a documentación pertinente na Federación Española de Baloncesto para inscribirse únicamente na Liga Feminina 2.

Pese a que o club pontevedrés atopou o apoio de Concello, Deputación e Secretaria Xeral para o Deporte e tiña encamiñado o aval requirido pola Federación, toma a decisión tras escoitar a opinión das xogadoras de casa e do corpo técnico.

Segundo explica o coordinador do club, Lino Vázquez, o problema que lles transmitiron é a falta de dispoñibilidade para "poder xogar os partidos polo medio da semana, xa que non son xogadoras profesionais e cada unha ten o seu traballo ou estudos".

Ademais tamén pesou a falta do patrocinador privado que o club leva buscando nas últimas tempadas.