O Arxil non atopa o seu xogo e vese superado ante León (45-63)

Pontevedra
24 de xaneiro 2016

A pesar da volta da súa máxima anotadora, as verdes tiveron serios problemas en ataque durante todo o partido e non foron capaces de competir ante un rival que se mostrou superior

Cristina Díaz-Pache no partido entre Arxil e León no CGTD Diego Torrado

Non tivo o seu día o Club Baloncesto Arxil na visita do León Cuna de Parlamentarismo ao pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Nin a volta da súa máxima anotadora, Yanique Gordon, evitou que as verdes se mostrasen inoperantes en ataque ante un rival que foi superior de principio a fin.

Tras empezar mandando timidamente no primeiro cuarto (12-18), as visitantes romperon o partido no segundo parcial, chegando ao descanso cun claro 20-35.

A pesar de que o ritmo das leonesas foi menor á volta de vestiarios, a súa vitoria nunca correu perigo cun Arxil ao que lle custaba atopar aro.

A derrota deixa ás pontevedresas no medio da táboa, oitavas, a tres triunfos xa do cuarto posto.

Consulta aquí o acta do partido.