O Arxil planifica un dobre amigable para a primeira fin de semana do ano

Pontevedra
24 de decembro 2015

En pleno descanso do Nadal, o club verde pensa xa nun inicio de ano no que esperan continuar a súa escalada na clasificación da Liga Feminina 2. O primeiro plantel volverá aos adestramentos o luns 28 de decembro

Partido Arxil - Tenerife
Partido Arxil - Tenerife

En pleno descanso do Nadal, o Club Baloncesto Arxil pensa xa no que lle espera durante o próximo mes de competición, no que tentará continuar coa escalada na clasificación na Liga Feminina 2 que cortou na última xornada do ano o GDKO.

Na entidade pontevedresa existe certa satisfacción pola resposta do equipo, sétimo clasificado tras un inicio de competición complicado, e optimismo co que vén porque "á volta de vacacións sempre subimos o noso nivel", asegura Lino Vázquez.

Con todo para seguir coa súa progresión as verdes deberán superar un obstáculo extra nos primeiros partidos de 2016, e é que durante o mes de xaneiro só xogarán un encontro na súa cancha.

A Liga Feminina 2 retomarase o día 9 de xaneiro, e farao cun Araski-Arxil no País Vasco para pechar a primeira volta da competición. Unha semana despois vivirase o derbi provincial en Vilagarcía ante o Cortegada, seguindo un esixente partido ante o León Cuna del Parlametarismo en Pontevedra e unha nova saída, o 30 de xaneiro, á pista do Baloncesto Femenino Aragón.

Mayte Méndez citou ás súas xogadoras o luns 28 de decembro para retomar os adestramentos coa vista posta no duro mes de xaneiro que se lles presenta.

Por iso, e para chegar na mellor forma posible ao 9 de xaneiro, o corpo técnico programou un dobre compromiso amigable para a primeira fin de semana do ano. Será o Torneo Cidade de Pontevedra, que se disputará ante o Vagos portugués o sábado 2 (19:30 horas) no Pavillón Municipal e o domingo 3 (12:00 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.