O Arxil ponse en marcha co xusto

Pontevedra
31 de agosto 2017

A xogadora británica Chantel Charles foi a principal novidade no primeiro día de traballo do club pontevedrés, que empeza a preparar unha nova tempada na Liga Feminina 2 de Baloncesto

Mayte Méndez e Chantel Charles na presentación da xogadora co Arxil CB Arxil

Con varias ausencias pero o Club Baloncesto Arxil xa se puxo en marcha para preparar unha nova tempada na Liga Feminina 2 de Baloncesto.

A gran novidade no primeiro día de traballo das verdes foi a da alero Chantel Charles, recentemente chegada á cidade de Lérez e que se puxo ás ordes de Mayte Méndez no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A xogadora británica, que procede do Batalyaws de Badaxoz e anteriormente xogara na liga universitaria feminina de Estados Unidos, é unha das fichaxes de peso do club pontevedrés. A outra, a pívot colombiana Tatiana Mosquera, foi unha das ausencias destacadas debido a problemas burocráticos.

A deste mércores foi unha primeira toma de contacto entre o corpo técnico e o plantel, que conta polo momento coas baixas por lesión de María González Centeno e Ana Martín.

O primeiro dos partidos amigable confirmados polo Arxil terá lugar o martes 12 de setembro (20:30 horas) ante o Celta no pavillón do CGTD.