O Arxil presenta a Cassie Oursler, que poderá debutar ante o Celta

Pontevedra
11 de outubro 2018

A pívot estadounidense pasou satisfactoriamente o período de proba co club pontevedrés, ao que se incorpora ata final de tempada. A directiva arxilista moveuse con rapidez para axilizar a tramitación e que poida debutar co equipo este mesmo sábado en Vigo

A nova xogadora do Arxil, Cassie Oursler con Lino Vázquez
A nova xogadora do Arxil, Cassie Oursler con Lino Vázquez / Mónica Patxot

Cassie Oursler converteuse este xoves oficialmente en xogadora do Club Baloncesto Arxil, tras superar o período de proba e convencer á adestradora do equipo pontevedrés, Mayte Méndez.

Desta forma as verdes cobren unha posto clave no equipo, o de pívot, que quedara descompensado tras a inesperada saída de Sierra Clark.

A estadounidense, de 22 anos e 1,93 metros de altura, únese ao Arxil para competir ata final de tempada na Liga Feminina 2, e incorporarase ao equipo técnico das escola municipal de baloncesto que tutela a entidade para fomentar a educación bilingüe das xogadoras da canteira.

A directiva arxilista moveuse rápido para axilizar ps trámites necesarios ante Estranxeiría e ante a Federación Española de Baloncesto e poderá debutar este mesmo sábado (18:30 horas) en Vigo no complicado desprazamento á cancha dun dos grandes favoritos ao ascenso, o Celta.

Ourser chega a Pontevedra tras un paso fugaz polo Cadí la Seu de Liga Feminina e un período a proba errado no Bembibre. O pasado curso, na liga universitaria estadounidense, alcanzou unhas notables cifras de 13,7 puntos e 7,2 rebotes por partido na Universidade de Buffalo.