O Arxil progresa pero queda fóra da Copa Galicia ao perder ante o Cortegada (69-68)

Pontevedra
20 de setembro 2018

No seu segundo partido da competición o club pontevedrés mellorou notablemente e a punto estivo de gañar un partido que tivo na man pero que se escapou nos últimos instantes

Mayte Méndez, adestradora do Arxil Mónica Patxot

Non estará na final da Copa Galicia o Club Baloncesto Arxil, pero case é o de menos para o equipo pontevedrés. O importante era ir progresando durante a pretempada e mellorando para chegar ben ao comezo da Liga Feminina 2.

Iso é xusto o que pasou este mércores no segundo encontro da competición autonómica. Se no seu debut as verdes perderan de maneira clara ante o Celta (74-43) esta vez mostraron unha boa imaxe ante outro rival do seu mesma categoría, o Cortegada de Vilagarcía (69-68).

As pupilas de Mayte Méndez tiveron o encontro na súa man, dominando durante gran parte do mesmo e chegando a vencer por 49-60 mediado o último cuarto, pero terminaron cedendo nuns últimos minutos frenéticos ante o empuxe arousán.

A anotación no Arxil estivo moi repartida, con catro xogadoras por encima dos 10 puntos como Arantxa Mallou (12), Sierra Clark (13), María Lago (15) e Gala  Mestres (13).

A pesar de non poder acceder xa á fase final, as pontevedresas aínda xogarán un encontro máis da Copa Galicia, esta vez na casa ante o Maristas da Coruña o vindeiro sábado 22 de setembro.