O Arxil xa coñece a orde dos rivais para a tempada que comezará o próximo 5 de outubro. As de Mayte Ménde empezarán cun partido de máxima rivalidade ao medirse en casa ao Celta Zorka, un dos principais candidatos a obter unha das prazas de de playoff.
Á semana seguinte, o cadro lerezano viaxará a terras madrileñas para enfrontarse ao Pozuelo. Mentres que o seguinte dos seis derbis que afrontarán as verdes esta tempada chegará o 7 de decembro coa visita do Baxi Ferrol. E na penúltima xornada, só quince días despois, será o Cortegada o que visite o pavillón pontevedrés.
Nos tres partidos da primeira volta contra equipos galegos, o Arxil actuará como local, polo que no segundo tramo da liga terá que afrontar estes duelos de especial rivalidade como visitante.
As de Mayte Méndez pecharán a liga en casa cun partido contra o Laboratorios Ynsadiet de Leganés.
No seo do club pontevedrés están moi ilusionados coas opcións do equipo para o próximo curso. Coas renovacións de Arancha, Lago, Carla e Díaz- Pache, ademais das canteirás Aldara Vázquez e Noa Casalderrey, xunto coas fichaxes de Fooster e Linnea; o presidente Lino Vázquez está seguro de que Mayte Méndez terá á súa disposición un plantel moi competitivo. Ademais, nas próximas horas o club pechará máis renovacións e unha nova fichaxe.