O Arxil renuncia definitivamente a Maimouna Diarrá

Pontevedra
20 de xullo 2015

O club verde espera confirmar a contratación da súa substituta esta mesma semana e asegura ter pechada a incorporación doutra xogadora para ocupar o posto de ala-pivot

Maimouna Diarrá no partido entre Arxil e Araski Diego Torrado

Aínda que as esperanzas eran escasas, o Club Baloncesto Arxil seguía intentando reter a que foi durante a última tempada a súa xogadora máis determinante, a pívot senegalesa Maimouna Diarrá, pero a entidade pontevedresa renunciou finalmente a esta opción.

Con ofertas de equipos da máxima categoría e tamén de conxuntos estranxeiros moito máis atractivas a nivel económico, a xogadora cambiará de aires, toda vez que o Arxil confirmou que se retirou da poxa.

Diarrá xogou a pasada campaña, na que as verdes chegaron a pelexar polo ascenso, 25 partidos sumando unhas brillantes estatísticas de 18,1 puntos e 13,8 rebotes por partido e unha valoración media de 25, sendo unha das xogadoras máis determinantes da liga.

Cubrir o seu oco non será doado para o club pontevedrés, que baseaba o seu xogo no poderío da senegalesa baixo o aro, pero a directiva moveuse con rapidez para pechar a contratación da súa substituta, que espera anunciar antes de que conclúa a semana.

Trátase dunha xogadora "de moita envergadura, versátil no seu xogo, con mellor tiro e adaptada a xogar moitos partidos na tempada", segundo a define Lino Vázquez, coordinador do Arxil.

Se se confirma a fichaxe só faltaría lograr a incorporación dunha ala-pívot que cubra o oco deixado por Fallon Lewis, unha xestión que se encontra moi avanzada. Ademais o club espera unha contestación afirmativa ás ofertas de renovación formuladas a Ana Martín, Sandra Entenza,Cristina Díaz-Pache, Fany López, Aldara Vázquez e Jara Tuda, que completarían o equipo.