O Arxil segue imparable e vence con solvencia ao Celta (77-66)

Pontevedra
06 de novembro 2016

O equipo pontevedrés foi superior desde o inicio ante o Celta e sumou o seu quinto triunfo en seis xornadas da Liga Feminina 2 para consolidarse na zona alta da clasificación

Partido de liga entre Arxil e Celta no CGTD Diego Torrado

Vai en serio o Club Baloncesto Arxil. O equipo pontevedrés confirmou o seu bo momento de forma na visita do Celta Zorka ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (77-66).

As verdes consolídanse na zona alta da calsificación da Liga Feminina 2 ao sumar o seu quinto triunfo en seis xornadas, despois dun partido que dominou desde o inicio.

Da man de Keita (21 puntos) e Waleska Pérez (21 puntos) e coa notable achega tamén de María Lago (17), o Arxil puxo terra polo medio nun gran inicio, cun parcial de 15-2 a favor.

Reaccionou o Celta para chegar ao final do primeiro cuarto só catro puntos por baixo (22-18) e chegar a empatar o partido no inicio do segundo parcial, pero o dominio non deixou de ser das locais, que ampliaron levemente a renda ao descanso (38-32).

No terceiro cuarto o Celta tentou manterse no partido, ata que o Arxil pegou un estirón nos últimos minutos para encarrilar o partido (59-49) e controlar a súa vantaxe no último período.

Consulta aquí o acta do Arxil-Celta.