O Atlético Novás, pedra de toque na preparación de Cisne e Teucro

Pontevedra
02 de setembro 2020

O cadro do Rosal enfrontarase esta semana aos dous equipos pontevedreses en senllos amigables. No caso do Cisne, o partido de preparación pactouse aproveitando o aprazamento das primeiras xornadas da Liga Asobal

Partido de pretempada do Cisne Club Cisne Balonmano

O aprazamento das xornadas 1 e 3 da Liga Asobal, que debían disputarse este mércores 2 e o sábado 5 de setembro, deu un pouco máis de marxe ao Club Cisne na súa preparación de fronte ao debut na máxima categoría, e despois de moitas semanas sen poder exercitarse con contacto nin xogar encontros amigables.

Por ese motivo, e tras a actualización do protocolo para os equipos galegos que compiten a nivel nacional, o cadro pontevedrés aproveitou a situación para pechar un partido de preparación este xoves día 3 (21:00 horas).

Os de Jabato desprazaranse ata O Rosal para xogar ante o Atlético Novás da División de Honra Prata, unha boa pedra de toque para afinar a súa posta a punto.

Será o mesmo rival que teña a Sociedad Deportiva Teucro para o seu primeiro amigable, xa que verá as caras co Atlético Novás o sábado 5 (20:15 horas) tamén no Rosal nun choque que poderá contar coa presenza de ata 300 espectadores nas bancadas.

No conxunto azul, a novidade chegou tamén nas últimas horas coa incorporación ao grupo do brasileiro Cauê Herrera tras realizarse as probas pertinentes para descartar que fose positivo en coronavirus.