O azul do Teucro contaxia á selección arxentina de balonmán

Pontevedra
10 de outubro 2017

O teucrista Andrés Moyano foi convocado polo combinado nacionnal absoluto arxentino para participar no Torneo Catro Nacións que se celebrará a finais de mes en Brasil. A lista inclúe tamén a dous vellos coñecidos da afección pontevedresa

Andrés Moyano (esquerda) nun partido de pretempada co Teucro Diego Torrado

A Selección Arxentina de balonmán non perde de vista as evolucións do Condes de Albarei Teucro na Liga Asobal.

Así o demostrou o seleccionador nacional absoluto do país suramericano, o español Manolo Cadeas, ao convocar a Andrés Moyano para a próxima edición do Torneo Catro Nacións, que se celebrará a finais de mes en Brasil.

O lateral teucrista foi incluído na lista de 17 xogadores que participarán nesta competición, con partidos o 27 de outubro ante Chile, o día 28 ante Uruguai e o 29 ante a anfitrioa, Brasil. Ademais o combinado arxentino disputará dous encontros amigables os días 25 e 26.

Ademais de Moyano, a Selección Arxentina contará con dous vellos coñecidos da afección pontevedresa, o pivote Gonzalo Carró e o gardameta Juan Bar.

YOAN BALÁZQUEZ, MÁXIMO GOLEADOR DE ASOBAL

O bo inicio de tempada do Condes de Albarei Teucro está a deixarse notar na Asobal, con nomes propios como o de Yoan Balázquez.

O lateral cubano está a ser unha das sensacións da competición ata o momento, encabezando despois de cinco xornadas a lista de máximos goleadores da liga con 39 tantos, sumando unha media de 7,8 por partido.

Balázquez sumou 32 deses goles con lanzamentos desde os 9 metros, demostrando a potencia do seu brazo dereito e cunha importante porcentaxe de acerto do 63% desde esta distancia.