O Pontevedra Club de Fútbol acometeu nos últimos días tarefas de mantemento no céspede do Estadio Municipal de Pasarón co obxectivo de que o terreo de xogo aguante da mellor maneira posible a época de choivas.
Aproveitando a boa previsión meteorolóxica desta semana e os próximos días, e tamén que o equipo afronta xornada a domicilio cun desprazamento a Luanco e por tanto non se pisará o céspede en días, os operarios levaron a cabo un plan de choque.
En concreto esparexeuse unha importante capa de area sobre o verde para tentar dotar de maior consistencia ao terreo, e tamén se picou o mesmo para favorecer a absorción de auga.
Por último está previsto realizar un resementado.
O conxunto granate non volverá xogar na casa ata o vindeiro sábado 16 de outubro, cando recibirá á UD Llarena.