O ciclocrós Poio Móvese cae do precalendario autonómico pola incidencia da covid no municipio

Poio
12 de novembro 2020

Segundo informa a Federación Galega de Ciclismo, a organización viuse obrigada a suspender a proba prevista para o 29 de novembro ao non recibir a autorización do Concello

Terceira edición do Ciclocross Poio Móvese
Terceira edición do Ciclocross Poio Móvese / Diego Torrado

Poio non formará finalmente parte esta tempada da Copa Galicia de Ciclocrós.

Segundo informa a Federación Galega de Ciclismo, a cuarta edición do ciclocrós Poio Móvese que estaba prevista para o día 29 de novembro caeu do  precalendario autonómico que está previsto someter a votación o vindeiro domingo 15 na Asemblea Xeral federativa.

O motivo deste cambio de última hora é que a organización da carreira, o Poio Bike Club, non recibiu a autorización do Concello para levala a cabo debido ao actual número de casos de Covid-19 detectados no municipio.

Desta forma, de ser aprobado o calendario, a competición autonómica contaría con seis citas puntuables, comezando o próximo día 21 co Ciclocrós Xaxán en Marín, mentres que Sanxenxo o 28 de novembro sería escenario do I Cicloross Con da Romaiña.

O resto de probas da Copa Galicia terán lugar o 6 de decembro en Boiro, o 8 de decembro en Santiago de Compostela, o 19 de decembro no Porriño e o 20 do mesmo mes en Maceda.