O Cisne despide o ano do seu 50 aniversario cunha emotiva cea 'en familia'

Pontevedra
31 de decembro 2014

A entidade pontevedresa celebrou os seus primeiros 50 anos de historia cunha ampla programación de actos sociais e deportivos. O último deles foi unha cea conmemorativa que reuniu máis de 240 persoas vinculadas ao club. Unha reunión inesquecible chea de reencontros, anécdotas, risas e sorpresas

Cea conmemorativa do 50 aniversario do Cisne Club Cisne Balonmano

Para o Club Cisne Balonmán, o ano 2014 foi moi especial. A entidade pontevedresa celebrou os seus primeiros 50 anos de historia cunha ampla programación de actos sociais e deportivos. O último deles foi unha cea conmemorativa que reuniu máis de 240 persoas vinculadas ao club. Unha reunión inesquecible chea de reencontros, anécdotas, risas e sorpresas.

Durante a cea, á que tamén asistiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fíxose entrega dunha métopa do club a Emilio Sacarrera, en agradecemento á súa colaboración na organización dos actos deste cincuenta aniversario, e tamén se entregaron as insignias de prata e ouro a socios, ex xogadores e persoal en activo pola súa fidelidade e entrega en favor do club durante todos estes anos.

Recibiron unha insignia de prata:

  • José Maquieira (socio dende hai máis de 30 anos).
  • Manuel Gamallo (pioneiro do club, ex adestrador, directivo e secretario).
  • Miguel Martínez (ex xogador, ex adestrador, ex directivo e socio dende hai máis de 30 anos).
  • Carmen García (ex delegada e socia dende hai máis de 30 anos).
  • Pablo Domínguez (ex xogador da canteira e director da base do club).
  • Alberto Casares (ex xogador da canteira e que actualmente está na liga Asobal co Balonmán Cangas).

 

Ademais, fíxose entrega dunha insignia de ouro a Juan Cuenca, actual delegado do equipo de Primeira Nacional polo seu inestimable traballo no club dende o 2003.

Esta cea e unha exposición, que se poderá visitar a partir do 3 de xaneiro na sede do Padroado de Turismo Rías Baixas, pechan os actos de celebración do 50 aniversario do Cisne. Entre outros, festexaron este fito cunha carpa conmemorativa que se instalou na Praza de España, un partido amigable contra a selección española xuvenil, o torneo de balonmán na rúa ou a presentación dun libro e un documental que resumen este medio século.