O Cisne fai oficial o regreso de Carlos Pombo

Pontevedra
22 de xuño 2020

A do lateral é a primeira fichaxe cisneísta para a que será a súa tempada de debut na Liga Asobal. O club pretende incorporar ademais ao pivote Gonzalo  Carró e a outro xogador de primeira liña para completar o plantel

Carlos Pombo, no partido entre Cisne e Bordils da tempada 17/18 Diego Torrado

Carlos Pombo volve á que foi a súa casa durante tres tempadas, o Club Cisne Balonmán, para vivir a que será a tempada de debut do club pontevedrés na Liga Asobal.

A entidade cisneísta fixo oficial este luns o que xa era un segredo a voces, converténdose na primeira fichaxe do equipo despois dunha longa rolda de renovacións.

O lateral dereito, formado na canteira do Teucro e que actualmente defendía ao Atlético Novás en División de Honra Prata, asegurou que "estou moi ilusionado de volver a casa e de afrontar o gran reto que temos por diante".

Pombo ponse así ao dispor de Jabato nun plantel que por agora completan Álex Chan, Alejandro Conde, Álvaro Prezado, Pablo Gayoso, Dani López, Jose  Leiras, Iván Calvo e o gardameta Jorge Villamarín.

A intención do Cisne é completar as renovacións con homes como Andrés Sánchez, Daniel Ramos, Chapela, Javier Vázquez e Pablo Picallo e pechar dúas incorporacións máis, a do pivote Gonzalo Carró e o dun xogador máis para a primeira liña.