O Cisne segue apontoando a súa defensa coa renovación de Alejandro Conde

Pontevedra
16 de xuño 2022

A continuidade do defensor únese ás de Iván Calvo, Mateo Arias, Román Arboleya e André Moura

Alejandro Conde, nun adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes Mónica Patxot

Despois da renovación de Iván Calvo, o Cisne segue sumando pezas á súa liña defensiva coa renovación doutro especialista: Alejandro Conde.

Con esta ampliación de contrato son xa cinco os xogadores que confirmaron a súa continuidade na o cadro branco para a súa nova andaina en Asobal: Mateo Arias, Román Arboleya, o portugués André Moura, Iván Calvo e o propio Alejandro Conde

A través dun vídeo difundido polas redes sociais do Cisne, o propio Conde anuncia a súa continuidade. "Será o meu sétimo ano no club", destaca o xogador, quen quixo tamén agradecer a confianza da directiva cisneísta por "facelo sentir como na casa".

Pecha o seu discurso cunha mensaxe á afección, á que agarda ver no Municipal para "gozar de Asobal todos xuntos".

Doutra banda, a familia cisneísta foi recibida este xoves na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, onde recibiron a felicitación por parte do decano da facultade. Óscar García; e o director deportivo da Universidade de Vigo, Alfonso Mandado.