O Cisne ve cortada a súa progresión en Eivissa nun apertado partido (31-30)

Pontevedra
02 de decembro 2023

O conxunto pontevedrés tivo o último ataque do encontro para empatar, pero non o logrou e volve das Illas Baleares de baleiro. Sen tempo para lamentarse, o vindeiro mércores 6 afrontará unha nova xornada de liga na División de Honra Prata

Partido de liga entre Cisne e Alcobendas no Municipal
Partido de liga entre Cisne e Alcobendas no Municipal / Cristina Saiz

Non puido lograr o Club Cisne Balonmán a súa terceira vitoria consecutiva na División de Honra Prata, e ve cortada a súa progresión tras un competido encontro este sábado na pista do Handbol Eivissa (31-30).

Tiveron as súas opcións os de Jabato, e é que foi un duelo de alternativas no marcador que se iniciou con todo con dominio local.

O Eivissa marcaba o ritmo nos compases iniciais ata poñer no marcador un 6-3 que obrigaba os pontevedreses a recorrer ao seu primeiro tempo morto. Non funcionou nun primeiro momento, e chegado ao ecuador do primeiro acto a renda local era mesmo maior (10-6).

Foi aí cando empezou a espertar o Cisne, recortando aos poucos a diferenza ata igualar co 13-13 no minuto 24. Con todo volveu sufrir unha pequena baixada de rendemento chegando ao descanso cun tantel de 18-15 para os locais.

Furtado e Pombo anotaron nada máis renovarse o choque (18-17) apertando de novo o duelo, e o Cisne poñeríase por primeiro vez por diante co 19-20 de Mateo Arias cando non se tiña chegado ao minuto 35.

Era o momento dos pontevedreses, que tomaron a dianteira abrindo unha brecha de dous tantos que se mantivo durante moitos minutos, ata o 26-28 a só 9 do final.

Empatou o Eivissa e aínda que Jabato pediu tempo morto para evitar que se lle fose o partido, o cadro balear volveu recuperar a iniciativa cun 31-29 que poñía moi costa arriba o puntuar.

Chegábase así aos minutos finais, nas que os nervios e imprecisións tamén fixeron acto de presenza para que apenas subisen goles ao electrónico. Furtado puxo o 31-30 con case dous minutos por xogar, pero sería definitivo. O Cisne gozou de oportunidades para empatar sen acerto, incluída a última posesión e un golpe franco co tempo cumprido que Pombo estrelou na barreira.

A derrota supón unha freada para o conxunto cisneísta, que cae á sexta praza. Polo menos o calendario ofrecerá pronto reválida cun duelo entre semana no Pavillón Municipal contra o Handbol Mallorca, o vindeiro mércores 6 de decembro.

Consulta a acta do partido na páxina web da Real Federación Española de Balonmán.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora