O Cisne visita ao Covadonga sen Chapela pero con ganas de "dar con la tecla" fóra da casa

Pontevedra
10 de marzo 2017

O equipo pontevedrés afronta este sábado (16:45 horas) en Asturias unha proba esixente na loita polo play-off de ascenso, ao visitar a pista dun dos seus rivais directos. David Chapela non se recuperou a tempo e é a única baixa coa que contará Jabato

David Chapela, nun adestramento do Cisne Cristina Saiz

A só sete xornadas para o final da liga regular na División de Honra Prata de balonmán calquera punto conta, e por iso o Cisne, a só dous puntos do play-off de ascenso é consciente de que "si queremos estar arriba tenemos que ganar ya fuera de casa".

Así o recoñece o técnico do equipo, Jabato, que espera "dar con la tecla" no que foi o punto débil do equipo ao longo da tempada, os partidos lonxe de Pontevedra.

Non será en todo caso unha saída sinxela a que debe afrontar, xa que este sábado (16:45 horas) visita a cancha do Grupo Covadonga asturiano, equipo que conta con só dous puntos menos que os pontevedreses e que "seguramente tamén quere aspirar ao play-off", sinala en adestrador cineísta.

A clave para Jabato será minimizar "nuestros errores" e eses "10 o 15 minutos de apagón que a veces sufrimos", pero o equipo atópase motivado e con ganas de demostrar o seu potencial, recoñece.

Non estará en Xixón David Chapela, que perderá o seu segundo partido consecutivo por un problema ocular, pero será a única baixa dun equipo que quere seguir soñando en grande.

Os colexiados do encontro serán o andaluz Peris Orts e o manchego Mohedano Fernández.