O Concello celebra o "mellor resultado do Monte Porreiro na súa historia"

Pontevedra
17 de xuño 2021

O equipo pontevedrés foi obxecto dunha recepción oficial no Concello tras colgarse a medalla de bronce esta semana na Copa do Rei

Recepción municipal ao Tenis de Mesa Monte Porreiro pola súa medalla de bronce na Copa do Rei Mónica Patxot

A medalla de bronce conseguida polo equipo masculino do Tenis de Mesa Monte Porreiro na Copa do Rei celebrada esta semana en Antequera "é o mellor resultado do Monte Porreiro na súa historia", recoñece o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, pero "seguirán moitos máis porque cando hai un bo equipo de xente traballando e unha base potente detrás os resultados acaban chegando".

Así o defendeu o rexedor da capital na recepción ofrecida polo Concello ao club deportivo nunha tempada na que lograron tamén a permanencia na Supervisión Masculina e na que disputaron a fase de ascenso á máxima categoría feminina.

"Isto é un recoñecemento público para que a xente saiba que temos un equipo que compite con garantías en categorías estatais e nos sentimos orgullosos", defendeu Lores recoñecendo que "hai moito traballo detrás de todo esto, pero o que me gusta máis é que hai nenos e nenas que están aprendendo a xogar".

Ao seu lado, o edil de Deportes, Tino Fernández, engadiu "o tenis de mesa vén crecendo en Pontevedra a aportando valor dende hai anos, cada ano máis".

Ambos os dous lembraron tamén o compromiso da administración local para dotar o club e á cidade dunha instalación propia para a práctica do tenis de mesa, un aspecto no que "estamos  traballando", sinalaron.