O Concello solicita que Arxil, Cisne e Voleibol Pontevedra poidan usar tres anos máis o CGTD para os seus partidos

Pontevedra
06 de setembro 2017

Así llo pediu a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, á Secretaría Xeral para o Deporte "ata que A Parda poida estar terminada", despois de que o organismo autonómico decidise instalar pistas de bádminton no pavillón do centro dificultando o seu uso por parte dos equipos da cidade

Partido entre Cisne e Amenabar Zarautz no CGTD
Partido entre Cisne e Amenabar Zarautz no CGTD / Cristina Saiz

A poucos días de que se inicie oficialmente o curso no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (15 de setembro) segue sen aclararse o problema xerado pola decisión de instalar de pistas de bádminton no seu pavillón e que deixa sen espazo aos clubs que alí adestraban ao longo da tempada.

Cisne, Arxil e Voleibol Pontevedra esperan novas sobre o lugar no que poderán levar a cabo os seus adestramentos, tendo en conta que o compromiso da dirección do CGTD é liberar o pavillón durante as fins de semana para non dificultar as competicións destes equipos.

O Concello, parte implicada ao ter que buscar oco no resto das súas instalacións para os clubs, quere asegurar polo menos que este acordo, o de levantar as pistas de bádminton durante a fin de semana, mantense durante o próximas tres tempadas. Así o recoñeceu a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, que solicitou formalmente á Secretaría Xeral para o Deporte que garanta esta opción "ata que poida estar A Parda terminado".

A edil recoñece que a decisión da Secretaría Xeral para o Centro de Tecnificación "foi un pouco sorpresa" e deixoulles "pouco tempo de reacción", polo que traballan para "resolver o problema de espazo para os adestramentos".

Nese aspecto, o Concello contactou coa Deputación para poder usar o pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe durante os próximos meses.

Ademais dos clubs locais, o Servizo Municipal de Deportes recibiu tamén peticións doutras entidades que desenvolvían a súa actividade no CGTD, como o ciclo superior de actividade físico-deportiva (TAFAD), para poder facer uso das instalacións municipais.