O equipo feminino da Gimnástica volve tras 15 anos ao podio do Campionato Galego de Clubs

Pontevedra
27 de abril 2015

A cruz foi para o equipo masculino, que despois de 10 anos consecutivos entre os tres mellores finalizou en Ferrol na cuarta posición

Equipo da Gimnástica no Campionato Galego de Clubes en Ferrol
Equipo da Gimnástica no Campionato Galego de Clubes en Ferrol / Sociedad Gimnástica

Dende o ano 1999 o equipo feminino da Sociedad Gimnástica non volvera pisar o podio do Campionato Galego de Clubs ao aire libre.

A mala xeira acabou o pasado sábado en Ferrol, nas pistas da Malata, cun brillante terceiro posto grazas a un equipo carcarterizado pola xuventude.

Ría de Ferrol dominou a competición feminina con 134 puntos, superando ao Celta (125) e a Gimnástica (114), que logrou unha vantaxe suficiente co cuarto e quinto posto de Lucus e Vila de Cangas, ambos os dous con 96 puntos.

A cruz da xornada, que estivo marcada pola mala climatoloxía, foi para o equipo masculino, xa que os rapaces quedaron fóra do podio por primeira vez en 10 anos ao ser cuartos.

O gañador masculino foi o Celta (134 puntos), seguido de Narón (118), Lucus (100,5) e Gimnástica (96).

A entidade pontevedresa logrou, iso si, o título honorífico de mellor club da competición sumando ambas as dúas categorías.

No apartado indiviual algúns atletas rexistraron marcas interesantes malia a chuvia, como Jorge Puig, segundo nos 1.500 metros con 3.55.67 e marca mínima para o nacional júnior, ou as rapazas do relevo curto, Verónica, Paula, Lucía e Esperanza que foron terceiras con 51.89.

Tamén lograron a mínima Rocío Rodríguez nos 1.500 promesa e o xuvenil Ángel Vargas.