O equipo feminino do Galaico consigue na casa o ascenso á Primeira División

Pontevedra
24 de decembro 2021

O conxunto pontevedrés logrou clasificarse entre os oito primeiros equipos da competición, mentres que o masculino, décimo, mantense en segunda división

Equipo de nadadores do Galaico que participan en Pontemuiños na Copa de España de Clubes de Segunda División CN Galaico

O Club Natación Galaico está de festa. Tras a celebración na piscina de Pontemuiños da Copa de España de Clubs de Segunda División, o equipo feminino logrou clasificarse entre os oito mellores da competición para conseguir o ansiado ascenso a Primeira División.

O masculino, pola súa banda, mantén a categoría ao finalizar décimo.

O logro adquire categoría de fazaña despois de conseguilo sen a capitá do equipo Bea Gómez, afectada pola covid-19, e cun equipo repleto de nadadoras aínda en idade infantil. Tamén o masculino viuse afectado por baixas importantes como a de Juan David Hernández tamén positivo por coronavirus.

A vitoria nos 50 metros libres de Antía García así como os numerosos terceiros postos conseguidos levaron á escuadra pontevedresa ao salto de categoría. 

O equipo feminino formárono Núria Payola, Antía García, Alicia Bouzas, Nayara Fernández, Nadia de la Fuente, Sofía Baros, Marta Novo, Paula Fariña, Ana Pérez García-Picher e Lara Gómez.

Mentres que o masculino estivo composto por Cristian Fernández, Daniel Sánchez, Cibrán Leal, Tomás Bouzas, Bruno Rey, Nicolás Vázquez, Pedro Barros, Miguel Vázquez, Nicolás Luque, Jacobo Ucha e Pablo Martín.