O equipo Ponte 1 Reto 'vence' a Titan Desert

Pontevedra
06 de maio 2017

Seis dos sete integrantes do equipo pontevedrés desprazados ao deserto marroquí completaron este venres a última etapa dunha carreira que está considerada como unha das máis duras do planeta

Fran Valiñas co recoñecemento como 'finisher' da Titan Desert Ponte 1 Reto

Obxectivo conseguido. Seis dos sete integrantes do equipo Ponte 1 Reto desprazados a Marrocos completaron este venres unha carreira considerada como unha das máis duras do planeta, a Titan Desert.

Despois de seis días de esforzo, calor, problemas mecánicos e físicos atravesando o deserto marroquí, os deportistas do equipo pontevedrés adquiriron a categoría de 'titáns'.

Na mente de todos eles, na última xornada cun percorrido máis curto e rápido do habitual, estaba o compañeiro que por culpa dunha imporante gastroenterite non puido tomar a saída o segundo día de competición, Manuel Caramés 'Fallolli'.

O resto de corredores do Ponte 1 Reto chegaron en apenas 2 horas á liña de meta, primeiro un grupo no que estaban Víctor Pampín, Fran Valiñas, Josevi Cimadevila e Pablo Fernández (2 horas e 4 minutos), despois Paco Magdalena a 5 minutos e por último Juan Hernández en 2 horas e 12 minutos.

Na clasificación xeral o primeiro dos pontevedreses foi finalmente Fran Valiñas, nunha sobresaliente 82 posición final, mentres Juan Hernández tamén entrou no Top-100 ao concluír no posto 97. Moi preto acabaron tamén Josevi Cimadevila e Pablo Fernández, nas posicións 102 e 103 respectivamente, mentres Paco Magdalena ocupou o posto 167 e Víctor Pampín o 175.

Todo un logro para uns 'titáns' que non se conforman e que xa pensan en conquistar novos retos.