O filial do Arxil proclámase campión galego e gaña unha praza en Primeira Nacional

Pontevedra
14 de maio 2019

O conxunto pontevedrés, co seu triunfo da pasada fin de semana ante o Maristas da Coruña, asegurou a falta dunha xornada o seu título de campión da máxima división autonómica

Filial sénior do Club Baloncesto Arxil
Filial sénior do Club Baloncesto Arxil

A canteira do Club Baloncesto Arxil deu a pasada fin de semana unha gran alegría á entidade pontevedresa.

Concretamente fíxoo o seu equipo filial sénior, ao proclamarse campión da máxima categoría autonómica e gañar unha praza a próxima tempada na Primeira Nacional, se a economía permite afrontar o salto competitivo.

O Arxil fíxose co título a falta dunha xornada tras vencer na Coruña o Maristas (51-71), equipo da parte alta, nun encontro no que tivo que remontar tras un inicio con dúbidas.

As pontevedresas contaban con baixas importantes e comezaron a remolque no primeiro parcial (15-5). Con todo reaccionaron para chegar cun marcador máis igualado ao descanso (30-27) e culminar a remontada no terceiro e cuarto período sen dar opción ao seu rival.

Tras a celebración na pista coruñesa a festa do filial arxilista, que acumula un balance sobresaliente de 25 vitorias e só 2 derrotas, terá continuidade na última xornada, na que recibirá no Pavillón Universitario de Pontevedra o Calasancias (domingo, 12:00 horas).