O Froiz entra en modo Campionato de España

Pontevedra
20 de agosto 2020

Ata 8 ciclistas do conxunto pontevedrés competirán esta fin de semana no Campionato de España na estrada que se disputa en Xaén

Guillermo García Janeiro na concentración de pretempada do Froiz en 2020
Guillermo García Janeiro na concentración de pretempada do Froiz en 2020 / PontevedraViva

O Grupo Deportivo Supermercados Froiz estará amplamente representado esta fin de semana en Xaén, onde se disputa o Campionato de España en estrada.

Ata oito ciclistas do conxunto pontevedrés competirán na cidade andaluza.

Catro deles fano defendendo as cores da Selección Galega. Son Adrián Barros, Guillermo García, Abel Franco e Aarón Mariño. 

A competición iniciarase á primeira hora deste venres 21 de agosto coas probas contrarreloxo entre Cazorla e La Iruela, con 26,3 quilómetros de percorrido. Nesta disciplina participará Adrián Barros, así como o elite Marcos Jurado, no seu caso cun perfil de 45,3 quilómetros.

O resto dos sub-23 reservaranse para a proba en liña do sábado (16:30 horas) con 159 quilómetros entre Úbeda e Baeza.

Pola súa banda en categoría elite e xunto aos profesionais correrán o domingo (9:00 horas) outros catro ciclistas do Froiz como Iván Martínez, Samuel Blanco, Víctor Romero e os propio Marcos Jurado, nunha carreira de 185,1 quilómetros na que non estará o vencedor do pasado ano, Alejandro Valverde.