Oitavo posto para Adrián Barros, do Supermercados Froiz, na crono sub 23 do campionato de España

Pontevedra
21 de agosto 2020

En categoría elite, o alimenticio Marcos Jurado asinou un quinto posto, mentres que o arousán Gustavo Veloso acabou décimo

Adrián Barros, ciclista galego do Supermercados Froiz, foi oitavo na contrarreloxo sub 23 do campionato de España
Adrián Barros, ciclista galego do Supermercados Froiz, foi oitavo na contrarreloxo sub 23 do campionato de España / Federación Galega de Ciclismo

A selección de Galicia comezou este venres o campionato de España de estrada en Xaén contando cun representante entre os dez mellores da proba contrarreloxo sub 23 coa que se iniciou o campionato. O corredor vigués do Supermercados Froiz, Adrián Barros, asinou o oitavo posto. O gañador foi o madrileño Raúl García. Mentres que na categoría elite, o seu compañeiro de equipo, Marcos Jurado, acabou en quinta posición.

Adrián Barros quedouse só a 38 segundos da medalla de bronce e a minuto e medio do ouro nun esixente percorrido de 26.3 quilómetros con saída en Cazolra e chegada en La Iruela. A actuación do combinado autonómico nesta categoría completouse co vixésimo segundo posto obtido por Iván Feijoo.

Por segundo ano consecutivo, o corredor alimenticio logra coarse entre os dez mellores do ciclismo español. No 2019 quedara sexto na proba en liña.

Na categoría UCI-Elite masculina participou o arousán Gustavo César Veloso, que acabou en décima posición, mentres que o prometedor excorredor do Froiz, Martín Bouzas, tivo que conformarse co vixésimo terceiro posto. No cadro feminino, a mellor galega foi a moañesa Sonia Parente ao asinar o vixésimo sexto mellor tempo.

A competición retómase este sábado coa disputa da proba en liña de categoría sub 23. A feminina será pola mañá e a masculina, pola tarde. O domingo, ás nove horas darase a saída á proba masculina de categoría UCI-Elite.