O Froiz estrea en Cantabria a camisola de campión de España

Pontevedra
01 de setembro 2020

Samuel Blanco, flamante campión nacional en categoría elite, lucirá por primeira vez o seu novo equipamento na Vuelta a Cantabria que comeza o 3 de setembro

Samuel Blanco co maillot de campión de España de ciclismo Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Samuel Blanco, flamante campión de España de ciclismo en categoría elite, prepárase para estrear as súas novas cores na volta á competición tras o parón provocado polo campionato nacional.

O ciclista do Froiz lucirá o seu novo maillot na Vuelta a Cantabria que dará comezo este xoves 3 de setembro e que se prolongará ata o día 5.

Será unha rolda de tres etapas sen grandes dificultades montañosas pero cun terreo rompepirnas que a fará dura e competida para todos os ciclistas.

A primeira das xornadas contará con 146 quilómetros de percorrido con saída e chegada en Meliaño, contando con tres ascensións puntuables de 3ª categoría e outra máis de 2ª categoría. A segunda etapa terá saída e chegada en Colindres con 141 quilómetros e dous portos montañosos, de 3ª e 2ª categoría. Pola súa banda o último día o pelotón afrontará un percorrido en Corrales de Buelna con 148 quilómetros, dous portos de 3ª e dous máis de 2ª.

Ademais de Samuel Blanco, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz competirá en Cantabria con Iván Martínez, Marcos Jurado, Víctor Romero, Guillermo García, Aarón Mariño e Ramón Fernández.