O Froiz, satisfeito tras unha fin de semana de competición con múltiples frontes

Pontevedra
08 de maio 2023

O equipo pontevedrés participou en competicións de diferentes modalidades ciclistas durante os últimos días con notables resultados

José Autran (esquerda), no podio da Volta á Comarca Brigantina Grupo Deportivo Supermercados Froiz

Coa atención en múltiples frontes. Así pasou a fin de semana un Grupo Deportivo Supermercados Froiz con presenza en varias competicións e disciplinas con resultados notables.

Por unha banda a formación principal de ciclismo na estrada participou na prestixiosa Bidasoa Itzulia, rolda por etapas disputada no País Vasco na que Alejandro Luna e Vicente Rojas finalizaron en oitavo e noveno lugar respectivamente.  

Aínda que non puideron loitar polo triunfo na xeral, Luna finalizou a 56 segundos do líder, o Froiz si tivo presenza nas fugas importantes pelexando por uns triunfos parciais que se resistiron.

Doutra banda en Betanzos, na Volta á Comarca Brigantina, José Autran rozou a vitoria sendo segundo no sprint tras 167 quilómetros de percorrido. Ademais Vicente Rojas foi cuarto, mentres que en Madrid nunha proba da copa autonómica Jorge García levou o triunfo en Tres Cantos.

Ademais na especialidade de BTT, no cros country olímpico (XCO), Aroa Otero e Uxia Soto conseguiron  un primeiro e segundo posto respectivamente na Copa Galicia disputada en Ribadumia afinando a súa posta a punto para a Copa de España que se celebrará en Momparler (Valencia) a próxima fin de semana.