O Galaico denuncia a "situación discriminatoria" da Federación Galega co seu nadador paralímpico Chano Rodríguez

Pontevedra
29 de decembro 2015

A normativa actual impide que os nadadores paralímpicos puntúen co seu club na calsificación do Campionato Galego de Inverno que se está disputando en Pontemuiños. "Estamos ante un caso de retroceso na natación galega", aseguran desde o Galaico

Chano Rodríguez, deportista do Club Natación Galaico
Chano Rodríguez, deportista do Club Natación Galaico /

É medallista paralímpico, conta con preseas en campionatos mundiais e europeos, pero non pode puntuar co seu club no Campionato Galego de Inverno que se está celebrando en Pontemuiños.

O Club Natación Galaico denunciou mediante un comunicado a "situación discriminatoria" que vive o seu nadador Chano Rodríguez, despois de que a Federación Galega de Natación ratificase na súa última asemblea a decisión de non contar coa puntuación dos nadadores con discapacidade na clasificación xeral do campionato.

"Galicia foi pioneira na integración destes nadadores, xa que noutras autonomías punteiras na natación, como Cataluña, non se lles permite participar co resto dos competidores, pero desde hai dous anos deuse un paso atrás co impedimento de que puntúen", explica o club pontevedrés.

Desta forma Chano, aínda que toma parte na competición, non poderá colaborar co seu club na clasificación xeral, na que o Galaico opta ao título.

A entidade pontevedresa propuxo na asemblea recuperar a anterior normativa, idea que foi rexeitada "con argumentos moi desafortunados" como que "un club con varios nadadores discapacitados desvirtúa a competición xa que gañaría o campionato de calle", sinala no seu comunicado a entidade deportiva, que cualifica de "retroceso" esta situación.