Bo sabor de boca deixou a participación do Club Natación Galaico no Campionato de España Absoluto en Piscina Curta celebrado durante os últimos días en Barcelona.
Ata alí desprazáronse catro deportistas do club pontevedrés: Bea Gómez Cortés, María Vilas, Daniel Sánchez e Marc Ciurana.
O mellor resultado foi o logrado por Bea Gómez na proba dos 200 estilos, nos que rozou o metal ao terminar en cuarta posición cun tempo na final de 2:14.36, preto do bronce que levou Paula Juste (CN Lleida) cunha marca de 2:13.92. A gañadora nesta distancia foi Catalina Corró (CN Sabadell, 2:09.46).
Ademais, na súa estrea co Galaico nunha competición nacional, María Vilas conseguiu un terceiro posto na final B dos 400 estilos (4:51.98).
Pola súa banda Daniel Sánchez meteuse tamén en dúas finais B, as de 50 e 100 metros costas. Na distancia longa asinou un terceiro posto (55.26) e logrou rebaixar a súa mellor marca persoal, mentres que nos 50 metros foi cuarto (24.89).