O grovense Tono Campos vence no campionato de Europa de piragüismo maratón

O Salnés
07 de xullo 2018

Con esta vitoria, Campos recupera o trono europo despois de que en 2017 rematara segundo na cita de Ponte de Lima. O padexeiro acada a súa medalla número 21 en competicións internacionais. Este domingo volve participar na proba de C2 con José Sánchez

Podio con Tono Campos tras vencer no Campionato de Europa de Maratón
Podio con Tono Campos tras vencer no Campionato de Europa de Maratón / Federación Galega de Piragüismo

A primeira medalla para España no Campionato de Europa de Maratón que se celebra na cidade croata de Metkovic tiña que levar o nome do grovense Tono Campos. 

O piragüista meco participaba na carreira de C1 senior e cumpriu cos prognósticos que lle daban como favorito nesta proba.

Desde o inicio encabezou o grupo de cabeza. O portugués Rui Lacerda foi o único que lle disputou a medalla. No último porteo, Tono Campos luciu os seus mellores armas e descolgouse do seu compañeiro de escapada. O último quilómetro da proba foi un paseo para o canoista do Breogán, logrando o triunfo.

Campos parou o crono en 2:03:20.89 milésimas, mentres que o canoista luso chegaba corenta segundos máis tarde. Desta forma, o padeeiro recupera o posto máis alto en Europa despois de que en 2017 terminara segundo en Ponte de Lima. 

Con esta vitoria, Tono Campos suma 21 medallas en competicións internacionais desde o ano 2017. Este domingo pode aumentar o seu palmarés porque participa con José Sánchez na regata en C2.

Pola súa banda, a canoista do E.P. Cidade de Pontevedra Jennifer Casal en C1 senior finalizou oitava.