O Club Cisne Balonmano iniciou o ano 2024 cunha derrota das que desbasten e difícil de explicar. O equipo pontevedrés viuse completamente desbordado ante un Guadalajara descomunal que contivo os ataques dos xogadores de Jabato cun soberbio Dani Santamaría baixo paus.
Practicamente de principio a fin tivo o Cisne o marcador en contra, e é que o Balonmano Guadalajara aproveitou unha serie de perdas e de lanzamentos errados por parte dos brancos para crecer e distanciarse cun resultado inicial de 4-1.
Con todo, cando o cadro pontevedrés máis o necesitaba apareceu Abián Rodríguez en portería e a ofensiva cisneísta comezou a carburar para frear a hemorraxia e mesmo voltear o resultado (6-7). Iso foi todo. Unha serie de tres boas defensas do equipo local volveron a desquiciar aos de Jabato, obrigado a parar o cronómetro coa intención de reverter a situción (10-7).
En lugar diso, o Cisne seguiu estancado no seu intento de remontar e o Guadalajara fíxose coa máxima renda do partido (+4). Dani Serrano, Arboleya e Mateo Arias responderon coas súas tantos para recortar distancias (12-10) e ter a oportunidade de cambiar o rumbo do partido, pero os locais non estaban polo labor de ceder e volveron espertar para irse ao descanso seis goles arriba grazas a un inmenso Dani Santamaría que terminaba o primeiro tempo cun 40% de efectividade (18-12).
Tras o paso polos vestiarios, os dardos do equipo castelanmanchego seguiron cravándose na portería dos de Lérez, enchufados en cada acción para poñer o 20-12 no luminoso.
Baleirou portería Jabato para atacar con sete xogadores e respondeu o seu equipo cos tantos de André de Moura e Arboleya para recortar diferenzas. Foi un espellismo. O Cisne seguiu bloqueado en todos os sentidos e o Guadalajara converteuse nunha auténtica apisoadora, aumentando a súa renda en once goles cos que destruía por completo ao seu rival (28-17).
Coa vitoria xa no peto, o técnico local deu minutos aos menos habituais e o Cisne tentou maquillar o marcador para caer finalmente por un doloroso 33-25.
Consulta as estatísticas nesta ligazón