O IMD traballa en darlle continuidade ao Circuíto de Carreiras Populares coa súa cuarta edición

Pontevedra
06 de xaneiro 2016

A principal novidade para 2016 será, en principio, o cambio de data da Carreira Pedestre de Campañó, que pasará a celebrarse no mes de maio en lugar da súa data habitual de setembro

XIX Carreira Popular de Santiaguiño do Burgo
XIX Carreira Popular de Santiaguiño do Burgo / PontevedraViva

O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) terá cuarta edición. É polo menos a intención do Instituto Municipal de Deportes (IMD), que xa traballa na súa organización ao mesmo tempo que solicitou a opinión dos atletas para melloralo.

Desta forma o IMD publicou nos últimos días de decembro un regulamento provisional, que contempla de novo seis carreiras repartidas ao longo do ano.

A principal novidade sería o cambio de data da Carreira Pedestre de Campañó, que deixará de celebrarse en setembro para ser a terceira cita do calendario, o sábado 28 de maio.

Antes San Brais volverá abrir o CCCP. Será o vindeiro domingo 31 de xaneiro cun percorrido de 6.000 metros.

No calendario tamén se inclúen as carreiras de Monte Porreiro (10 de abril), PonteNoite 5+5 (18 de xuño) e Santiaguiño do Burgo (25 de xullo) antes de que o Medio Maratón (16 de outubro) poña fin á cuarta edición do evento.

O obxectivo pasa por seguir crecendo e superar os 405 inscritos do pasado ano, cun prazo de anotación que seguirá aberto ata a terceira cita do circuíto.

O prezo para os atletas participantes será de 30 euros se contan co chip de cronometraxe e de 45 se necesitan adquirilo.

Do mesmo xeito que na pasada edición, os premios individuais serán de 500, 400 e 300 euros respectivamente para os tres primeiros clasificados das categorías masculina e feminina e de 500 euros ao mellor equipo.