O Mapfre aproxímase a Melbourne defendendo o seu liderado provisional

Sanxenxo
22 de decembro 2017

A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo conseguiu nas últimas xornadas o liderado da terceira etapa da Volvo Ocean Race e tenta defendelo na aproximación final á costa australiana. A tripulación española, segundo as estimacións, chegará á meta durante a mañá de Noiteboa 

Támara Echegoyen durante a terceira etapa da Volvo Ocean Race Jen Edney / Mapfre / Volvo Ocean Race

A terceira etapa da Volvo Ocean Race, entre Cidade do Cabo e Melbourne, entra na súa recta final e faio cunha situación envexable para o Mapfre.

A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo colocouse nas últimas xornadas á fronte da frota superando ao Donfeng chinés, e agora inicia a aproximación cara á costa australiana na primeira posición provisional.

"Por fin trasluchamos cara ao Norte, cara a Melbourne!", sinalou o patrón do desafío español, Xabi Fernández, recoñecendo que "o vento é de máis de 30 nós a maioría das veces e imos borrasca tras borrasca, pero estamos a lograr manter o barco a salvo e rápido".

O Mapfre mantiña 30 millas de vantaxe sobre o Dongfeng cando a tripulación chinesa entraba en modo sixilo (sen mostrar a súa posición no parte ata 24 horas), unha renda que espera poder manter nas últimas 48 horas de navegación.

As previsións da organización é que a cabeza da proba poida chegar a porto ao longo da mañá do día 24, en Noiteboa, segundo a hora española, tarde-noite en Melbourne.

O último parte de posicións, publicado ás 14:00 horas deste venres, colocaba ao Mapfre a pouco máis de 800 millas da chegada, con 191,4 millas de vantaxe sobre o Vestas e 201,6 millas co Team Brunel.

Esta etapa, que puntúa dobre para a clasificación xeral da Volta ao Mundo a Vela, marcaría as primeiras diferenzas importantes de manterse o resultado, destacando ao barco español no liderado da xeral.