O marinense Iván García cólgase o bronce no Grand Prix de París

Pontevedra
05 de setembro 2022

O taekwondista do Mat's de Marín demostrou na capital francesa que é capaz de superar aos mellores deportistas do mundo

Iván García (terceiro pola dereita) consegue o bronce no Grand Prix de París Federación Galega de Taekwondo

O taekwondista de Mat's de Marín Iván García fixo historia esta fin de semana ao acadar a medalla de bronce no Grand Prix de París, nunha proba na que estiveron presentes os mellores taekwondistas do mundo en busca de puntos para a clasificación olímpica. Iván, que adestra no CGTD de Pontevedra baixo a batuta de Jesús Benito, venceu en tres combates e só caeu na semifinal ante o croata Iván Sapina, nos últimos segundos.

En primeira rolda Iván enfrontouse ao canadense Marc Andre Bergeron, nun combate no que o galego non se atopou excesivamente cómodo e iso viuse reflectido no marcador, xa que perdeu o primeiro asalto e tivo que remontar para vencer 2-1. A continuación loitou ante Smaiyl Duisebay (Kazajistán) e Iván foi crecendo moito no seu rendemento para gañar en dous asaltos.

Nos cuartos de final esperaba o chino Zhaoxiang Song, que viña dun combate moi duro contra o turco Atesli, e novamente o noso taekwondista competiu con moita cabeza e sabendo que tiña que marcar un ritmo moi alto fronte a un rival bastante canso. Iván venceu en dous asaltos moi loitados.

Na semifinal esperaba Iván Sapina (Croacia) no que foi un fantástico combate, tremendamente axustado. Iván perdeu o primeiro asalto, pero venceu no segundo e todo tiña que decidirse no terceiro e definitivo. E Iván foi por diante no marcador ata os últimos segundos, nos que Sapina logrou sorprender ao galego, que tivo que conformarse cunha moi meritoria medalla de bronce.