O marinense Pablo Fernández, de xira asiática co equipo nacional de taekwondo

Marín
20 de abril 2017

O deportista do Mat's de Marín foi seleccionado polos técnicos da Federación Española, xunto a outros 20 taekwondistas, para participar nunha concentración que se levará a cabo no centro de alto rendemento de Corea do Sur e que servirá para preparar o Campionato do Mundo

Pablo Fernández (dereita) tras ser prata no Open de España celebrado en Alacante Federación Galega de Taekwondo

Unha selección de taekwondistas españois participará nos próximos días nunha xira asiática da man da Federación Española de Taekwondo, e entre eles estará o marinense Pablo Fernández (+87 quilos).

O deportista do Mat's de Marín foi incluído nunha convocatoria na que tamén figuran outros 20 taekwondistas, destacando os medallistas olímpicos Joel González (-63 quilos) e Eva Calvo.

O Equipo Nacional de taekwondo afrontará do 4 ao 20 de maio unha concentración no centro de alto rendemento de Seúl, en Corea do Sur, onde participarán nun adestramento conxunto cos deportistas locais.

Esta xira asiática servirá para preparar o Campionato do Mundo que terá lugar tamén en Corea, concretamente na localidade de Muju, do 24 ao 30 de xuño, cita na que espera estar Pablo Fernández convencendo aos técnicos nacionais co seu rendemento.

Completan a convocatoria Jesús Tortosa (-58 quilos), Marcos Caballero (-63 quilos),  Adrián Vicente (-54 quilos), Javier Pérez (-68 quilos), José Antonio Rosillo (-68 quilos), Daniel Quesada (-74 quilos), Raúl Martínez (-80 quilos), Ramón Fuiz (-80 quilos), Daniel Ros (-87 quilos), Marta Calvo (-67 quilos), Irene Laguna (-46 quilos), Blanca Palmer (-49 quilos), Tania e Lydia García (-53 quilos), Lydia Fernández (-57 quilos), Cecilia Castro e Aida Martínez (-73 quilos) e Rosanna Simón (+73 quilos).