O mellor balonmán regresa a Pontevedra cun Cisne disposto a dar a badalada

Pontevedra
09 de setembro 2022

Os brancos reciben esta tarde no pavillón de Príncipe Felipe, a partir das 20 horas, ao Benidorm na segunda xornada da tempada de regreso do cadro pontevedrés a Liga Asobal

O Cisne presenta o seu equipo para a tempada en Asobal 2022-2023 Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra volverá gozar este sábado do mellor balonmán do país. Farao da man do Cisne, que dous anos despois regresa a Asobal para enfrontarse ao Benidorm, que desexa regalar unha vitoria a unha afección que terá que desprazarse ao pavillón de Príncipe Felipe para acompañar aos seus porque o Municipal atópase aínda en obras.

Co obxectivo de concienciarse para unha dura campaña e axuntar esforzos entre plantel e inchada, este venres tivo lugar no Mercado de Abastos a xa tradicional presentación do equipo.

Os de Javier Márquez, que caeron na primeira xornada na súa visita a Anaitasuna, reciben a partir das 20 horas a un dos equipos máis perigosos da competición. "Veñen de facer unha tempada histórica, cun cuarto posto", puntualiza o segundo adestrador branco e encargado de analizar aos rivais, Marcos Otero.

Recoñece o preparador que "fixeron cambios no plantel e perderon xogadores importantes". Pola contra fixéronse cos servizos de xogadores contrastados e con gran potencial, polo que seguen sendo "un equipo complicado".

"Coñécense desde hai anos e saben a que xogan. Defenden moi ben, teñen moito ritmo e contragolpe. Contan tamén con moi bos extremos e son poderosos no lanzamento exterior. É un rival complicadísimo pero esperemos que eses bos momentos que tivemos sírvannos para conseguir a primeira vitoria en casa", expón con optimismo o técnico.

Fai referencia Otero ao encontro da primeira xornada na que os brancos acabaron caendo fronte a outro dos clásicos da liga Asobal. Contra Anaitasuna, os de Márquez xogaron "a tiróns, ofrecemos boa imaxe por momentos e noutros estivemos moi frouxos", confesa uns autocrítico Marcos.

Con todo, confía en que a última semana de adestramentos servise para "insisitr neses momentos bos nos que puxemos en apritetos a Anaitasuna e tamén nos bos momentos defensivos", rematou o preparador.