O Nacional Infantil de Natación chega ao seu fin tras catro xornadas de emoción e valores en Rías do Sur

Pontevedra
29 de marzo 2018

A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños puxo fin co peche do Campionato de España Infantil de Natación a unha semana soñada e de excepcional ambiente nas bancadas

Campionato de España Infantil de Natación de Inverno en Pontemuíños
Campionato de España Infantil de Natación de Inverno en Pontemuíños / Club Natación Galaico

Será unha semana difícil de esquecer a vivida na piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur.

Co peche este mércores do Campionato de España de Natación Infantil de Inverno púxose fin a xornadas de emoción e gran ambiente nas bancadas ás que se sumaron a Europa Cup de waterpolo e o encontro da Liga Mundial deste deporte entre España e Hungría.

En canto ao nacional de natación, baixou o pano tras catro vibrantes xornadas nas que as bancadas de Pontemuíños quedaron pequenas.

Máis de medio milleiro de deportistas competiron nas diferentes probas programadas, de 186 clubs de toda España. Só o último día disputáronse nove probas e ata 65 series.

Na última xornada, do mesmo xeito que na estrea, participou no campionato a única representante do club local, o Natación Galaico, Alicia Bouzas logrando unha marca de 4:50.27 nas eliminatorias dos 400 libre.

Consulta os resultados completos e por probas do XXXVIII Campionato de España de Natación Infantil celebrado en Pontevedra.