Polémica aberta entre o goberno local e un dos clubs da cidade con maior número de deportistas federados, o Club Natación Galaico.
Segundo explicou a entidade deportiva a través dun comunicado, o desencontro tivo como consecuencia a perda dun Campionato de España que fora concedido a Pontevedra, o Nacional Infantil e Junior 2016 que se ía a celebrar na piscina olímpica de Pontemuiños entre os días 24 e 28 de febreiro.
A decisión do club tómase ao "non ter respaldo económico do Concello de Pontevedra", a pesar de que a xunta directiva presidida por José Miguel Cano asegura que contaban cun compromiso previo do Concello, tras un primeiro contacto coa concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
Unha vez cursada a petición oficial para organizar o campionato o acalde, segundo a versión do Galaico, chamou ao presidente da Federación Española de Natación "para manifestar a súa negativa para apoiar economicamente devandito evento".
Chegado ese punto o mandatario do club deportivo solicitou explicacións ao rexedor, respondendo este "que mentres non se solucionase o problema co Waterpolo e coa Fundación non ía apoiar ningún campionato", sinala no comunicado a directiva do Galaico, que lamenta a repercusión económica que o evento podía ter.
Segundo as súas estimacións, estaba prevista a participación de preto de 600 deportistas na cita "acompañados dos seus respectivos familiares". Pontevedra xa organizou o mesmo campionato en 2014.
ELECCIÓNS NO CLUB NATACIÓN GALAICO
Na última asemblea de socios do Club Natación Galaico, ademais de votar en contra de volver unirse co club de waterpolo, convocáronse eleccións para que os socios elixan á xunta directiva que dirixirá a identidade durante os próximos catro anos.