O Náutico de Sanxenxo, galardoado coa Placa da Real Orde do Mérito Deportivo

Sanxenxo
07 de agosto 2014

O Consello Superior de Deportes premia o club pontevedrés polo seu programa social, a traxectoria dos seus equipos e a organización de eventos deportivos. "Este galardón nos motiva para continuar trabajando", afirma Pedro Campos

Saída da Volvo Ocean Race dende Sanxenxo no ano 2005 María Muiña

O Consello Superior de Deportes decidiu outorgar a Placa da Real Orde do Mérito Deportivo ao Real Club Náutico de Sanxenxo.

Así confírmao o club presidido por Pedro Campos, que asegura sentirse "orgulloso y honrado" pola condecoración, outorgada pola capacidade organizativa de competicións deportivas, a traxectoria dos seus equipos e tamén polo seu programa social, no que destaca do Centro Nacional de Vela Adaptada.

"Este galardón nos motiva a seguir trabajando", defende Campos, despois de "muchos años y muchas las personas involucradas en este Club y trabajando a favor del deporte de la vela".

O Real Club Náutico de Sanxenxo foi sede nos últimos anos de multitude de eventos de diversa dimensión, sendo o máis relevante a saída da Volvo Ocean Race no ano 2005.

Ademais competindo baixo a grímpola do club pontevedrés deportistas como Támara Echegoyen, Antón Paz, Fernando Echávarri, Iker Martínez ou Xabi Fernández, entre outros, lograron cinco medallas olímpicas e 32 títulos mundiais, ao que hai que sumar as veces que o desafío español da Volta ao Mundo a Vela participou no evento tendo como base Sanxenxo.