O Open de España de Taekwondo levanta o pano cunha animada primeira xornada de competición

Pontevedra
10 de abril 2015

O Pavillón Municipal dos Deportes acolleu a primeira xornada do campionato, na que se disputaron as modalidades de Técnica, Freestyle e Exhibición cun bo ambiente nas bancadas

Primeiro día do Open de España de Taekwondo no Pavillón Municipal dos Deportes Mónica Patxot

O Pavillón Muncipal de los Deportes presentou un bo ambiente durante a primeira xornada de competición do Open de España de taekwondo, que se celebrará en Pontevedra ata o próximo domingo.

O torneo arrancou ás 8:00 horas deste venres coa modalidade de Técnica (Poomsae), na que estaban inscritos 464 deportistas, 88 deles correspondentes ao equipo galego.

Cinco tapices estrearon a competición con participantes dende categoría cadete ata a de menores de 60 anos.

Xa pola tarde os tapices reducíronse a dous para acoller as modalidades de Freestyle e Exhibición, esta última con 71 galegos inscritos.

Este sábado comezará o Open de España de combate, para as categorías cadete e júnior, mentres o domingo será quenda da categoría absoluta, coa presenza dalgúns dos mellores especialistas do ranking mundial ao estar catalogado o torneo como G-1.

Ambas as dúas xornadas arrancará ás 8:00 horas e contarán cunha entrada para o público que se fixou en cinco euros.