O Pavillón Municipal dos Deportes loce a súa nova pista

Pontevedra
07 de novembro 2017

Os operarios do Servizo Municipal de Deportes concluíron este martes a colocación e marcado da nova pista que lucirá a instalación, de cor azul para amoldarse ás esixencias das competicións nacionais e internacionais de balonmán que acollerá en próximas datas

Pista de xogo azul no Pavillón Municipal dos Deportes Concello de Pontevedra

Aínda que con algo de atraso con respecto aos prazos inicialmente previstos, por unha demora na entrega por parte da empresa provedora, o Pavillón Municipal dos Deportes presume de nova superficie de xogo.

A pista de cor azul foi adquirida polo Concello para amoldarse ás esixencias das competicións nacionais e internacionais de balonmán que se van a celebrar en Pontevedra proximamente, como o Torneo Internacional Memorial Domingo Bárcenas de seleccións, o Campionato de España por Autonomías ou o Mundial Junior de 2019.

Ademais coa nova pista cúmprense os requisitos establecidos pola Liga Asobal para os partidos televisados, cuxo incumprimento xa supuxo hai dúas tempadas unha sanción á Sociedad Deportiva Teucro.

Operarios do Servizos Municipal de Deportes concluíron este martes os traballos de montaxe da superficie, co marcado das liñas regulamentarias para as competicións de balonmán e tamén de fútbol sala.

Colocada a pista de xogo recupérase a actividade habitual no pavillón, con adestramentos dos equipos ao longo da semana e á espera das súas primeiras competicións oficiais o vindeiro sábado, cun encontro de fútbol sala feminino entre Leis e Viaxes Amarelle e outro de balonmán co Teucro-Benidorm da Liga Asobal.