O Peixe Galego, sen opción en Palencia (94-61)

Marín
26 de novembro 2016

Os de Marín arrincaron o partido coa intención de xogarlle de sen complexos ao actual campión de LEB Ouro, pero un parcial demoledor de 32-19 no segundo cuarto acabou coas súas aspiracións

Partido entre Quesos Cerrato Palencia e Peixe Galego Diario Palentino

Viaxou o Peixe Galego a Palencia, á cancha do actual campión da LEB Ouro, coa intención de xogar sen complexos, pero o Quesos Cerrato Palencia foi demasiado rival (94-61).

Saíu con forza o Peixe, e nos primeiros minutos parecía dar guerra ao cadro local, que aos poucos foi espertando para terminar xa en vantaxe o primeiro cuarto (20-13).

A clave estivo no demoledor segundo parcial, de 32-19, que rompeu o partido en toda unha demostración de poderío ofensivo, especialmente da man de Dani Rodríguez e Jhornan Zamora.

A defensa dos de Javi Llorente non puido conter a avalancha, e o ataque nesta ocasión non foi capaz de manter ao equipo, só con Miso e Derksen en dobre díxito.

A pesar de tentar en todo momento recortar distancias, o acerto desde a liña de 6,75 do Palencia cortou calquera esperanza, cun 52% de acerto fronte ao 19% dos marinenses.

Tras esta derrota, o Peixe prepárase para enfrontarse en poucos días a outros dos máximos favoritos da competición, o Actel Força Lleida e o Breogán.

Consulta aquí as estatísticas do Quesos Cerrato Palencia-Marín Peixe Galego.