O peor arranque ligueiro dos últimos 19 anos

Pontevedra
29 de setembro 2015

Os catro puntos logrados nas primeiras seis xornadas supoñen o peor arranque de tempada para o Pontevedra dende a 96/97. O pobre rexistro de goles a favor contrasta coa fiabilidade defensiva, pois só nunha ocasión durante ese período (2011/2012) encaixara menos goles a estas alturas de competición  

Partido entre o Racing de Ferrol e o Pontevedra CF
Partido entre o Racing de Ferrol e o Pontevedra CF / Mero Barral

Non está sendo un inicio de tempada sinxelo para o Pontevedra Club de Fútbol, pese a que as sensacións mostradas sobre o terreo de xogo non son de todo negativas.

Os granates arrancaron a liga con catro puntos en seis xornadas situándose na decimo oitava praza da clasificación, tras gañar un encontro (Tudelano), empatar outro (Compostela) e perder catro partidos, todos pola mínima, o que supón o seu peor inicio liguero de século XXI.

Só no curso 96/97, tamén en Segunda B, os granates presentan unha cifra idéntica de puntos, con cinco goles a favor e sete en contra. Aquel ano o Pontevedra finalizou a liga na novena praza.

Catro puntos en seis partidos supón o peor inicio de liga dende a 96/97

Os números do equipo de Luisito evidencian un importante contraste, xa que os dous goles a favor que ata agora lograron, ambos anotados por Borjas ante o Tudelano, son a peor cifra anotadora en todos estes anos, pero o bloque está a destacar por unha gran fiabilidade defensiva.

Neste apartado, con catro goles encaixados, só o equipo do ano 2011/2012, o primeiro en Segunda B tralo efémero paso pola categoría de prata, presume de mellores rexistros con tres goles en contra. A diferenza principal con aquela tempada radica nos 11 goles a favor e os 13 puntos ao chegar á xornada 6.

A tempada é longa e no Pontevedra confíase en poder dar a volta á situación, polo que apelan á tranquilidade. Un triunfo alivaría a difícil situación, aínda que o calendario non axuda nestes momentos con dous choques de máxima esixencia.

O próximo rival dos de Pasarón será ao líder, un Coruxo adestrado por Rafa Sáez que destaca nos últimos anos por comezar a liga a plena forma. Será na casa o domingo ás 17:00 horas, mentres unha semana despois haberá que visitar ao Real Racing Club de Santander no Sardinero.